26.7.07

Pero en qué pais vivimos(II) !!!


Dende este humilde blog, quero manifestarlle o meu apoio ó senador do PNV, Iñaki Anasagasti, nova diana das iras dos guardiáns do políticamente correcto.

Nun país no que se lle di ó presidente do goberno que negocia con terroristas sin ter proba algunha, no que un día sí e outro tamén determinados medios de comunicación que practican o "amarillismo" puro e duro aseguran que o 11-M non foi obra do terrorismo islámico e que insinúan unha suposta relación do Partido Socialista co atentado, no que temos que escoitar as lindezas que se dedican algúns políticos...nun país como este, crucificamos a un senador por decir no seu blog o que pensa unha parte da sociedade española, que non é outra cousa que que a familia real española son unha panda de vagos que disfrutan, por exemplo, de dous meses de vacacións con cargo ó erario público.

Vivimos nunha monarquía parlamentaria, e o rei merece o meu respeto como Xefe do Estado que é, pero tamén a merece o Presidente do Goberno(aínda máis, se cabe, pois éste foi elixido democráticamente nas urnas), o cal non significa que non poida manifestar a miña opinión sobre eles e sobre o traballo que desenvolven.

Non creo que as declaracións de Anasagasti atenten contra ningún dereito, non creo que sexan inxuriosas contra ninguén...o que creo é que nesta España nosa hai unha doble vara de medir, e que algúns teñen unha doble moral moi acusada. Hipocresía pura e dura, vamos.

23.7.07

Pero en que país vivimos!!!


Esta é a portada que tanta revolución xenerou. Non estou dacordo no seu secuestro. Paréceme un atentado contra a liberdade de expresión. Moito ánimo para El Jueves!

22.7.07

Circo político en Navarra

Hoxe quero falar da situación política de Navarra tralas últimas eleccións autonómicas. Gustaríame opinar sobre como se está convertindo o que tiña que ser un pacto político pensando nos cidadáns de Navarra nun caseque circo político que non beneficia a ninguén, moito menos ós cidadáns navarros que o pasado 27 de maio acudiron ás urnas a expresar a súa opinión.
Milito nun partido político,o Partido Socialista,e fagoo porque son e me sinto socialista, aínda que non sempre coincida con todas e cada unha das decisións que toma. E así como digo e me felicito do que considero que está ben, creo que, para ser honesta, non debo obviar aquelo que non me gusta. E, neste caso, sempre dende a cautela e case dende a ignorancia con respecto a Navarra, cos seus cidadáns e coa súa situación política, e só dende un punto de vista persoal e de simpatía por este pobo, non comparto a actuación dos meus compañeiros e compañeiras socialistas navarros.
Os cidadáns navarros déronnos a posibilidade de constituir gobernos de progreso en Navarra ó quitarlle a maioría absoluta a UPN. Dixéronlle ó PP, co seu voto, “ata aquí chegamos, basta de mentiras”. Non creron nos pronósticos catastrofistas de que o que pretendiamos era que Navarra non fose España nin en cousas polo estilo que o PP se dedicou a dicir en precampaña e campaña electoral e baseándose nas cales incluso convocou unha manifestación. É responsabilidade nosa, e dos outros partidos, traballar para que se cumpla a vontade do pobo navarro. E, ó meu xuízo, non estamos cumplindo.
Aínda que levou tempo, fomos capaces de sentar as bases programáticas de cara a un futuro goberno de progreso nesta comunidade logo de tantos anos de goberno da dereita. Un acordo no que NaBai firmou respetar o modelo institucional e constitucional de Navarra, a pesar de ser un dos seus postulados políticos fundamentais unha consulta ós navarros sobre a posibilidade de anexión con Euskadi, posiblilidade, por outra parte, recollida na tan traída e levada Constitución Española. Un acordo pensado en Navarra, para os cidadáns navarros, e que tiña no punto de mira as políticas sociais.
E partir de aí, xa case todo me parece un cachondeo, e desculpade pola expresión. Primeiro, o PSN obtería a presidencia de Navarra, pretendendo tamén, a maioría das Consellerías e non respetando a proporcionalidade que dan os votos. Logo, pretendía incorporar a independentes ó goberno. E digo eu, independentes de quen? E xa o último é o do goberno de concentración. Pero acaso en Navarra non se vive nunha situación de normalidade democrática, con partidos democráticos e que respetan a democracia? Cales son as circunstancias que aconsellan facer un “goberno de concentración”? E non me vale iso de que a sociedade de Navarra é moi plural, porque é igual de plural que a de moitos outros lugares de España onde se ten chegado a diferentes acordos con diferentes ou semellantes partidos. Eu, e perdoade a miña probable ignorancia, pero é que non o entendo.
E hoxe mesmo, cando xa estou a piques de enviar este artigo, escoito que Fernando Puras, candidato a Presidencia de Navarra, pensa que o mellor é que se repitan as eleccións. Paréceme, sinceramente, unha falta de respeto ós navarros, que terán que pagar voltando as urnas a falta de vontade de entendemento político dos partidos políticos. Os cidadáns xa falaron, e dixeron o que pensaban, é responsabilidade dos políticos transformar esa voz en goberno. O outro, é darlle a razón ós que din que todos os políticos somos iguais, discurso que me nego a compartir.
E discrepo da súa actuación porque creo, ademáis, que esto non fai máis que facerlle o caldo gordo ó discurso do PP. Temos que facer todos os esforzos para demostrarlle ó PP que en democracia cabemos todos os que respetamos as reglas do xogo, tamén aqueles que propoñen cousas diferentes ás que nós defendemos, e incluso contrarias.
Na Bai é un partido que está nas institucións e que respeta as normas das que nos dotamos aínda que algunhas non as comparta. Un partido que ten membros que renunciaron á violencia, que din non ó terrorismo, e que optaron pola vía política para defender os seus postulados. Non é eso o que lle pedimos a Batasuna? Por qué logo condenamos a Na Bai ou a Patxi Zabaleta? Ou acaso olvidamos que Na Bai en Navarra está formado polo PNV, Eusko Al Kartasuna e Aralar? Non temos xa pactado con algún destos partidos? Non só nos, tamén o PP, o cal desmonta o seu hipócrita discurso.
Creo na democracia como a casa común na que todos podemos defender as nosas ideas, por moi diferentes que sexan, e defendo, sobre todo, o dereito de todo o mundo a defender, dentro das reglas do xogo, as ideas que teñen, aínda que non as comparta. Aínda que alguén me di que son unha utópica por pensar iso, non estaría en política si non tivese o convencemento máis profundo de que iso é así.

7.7.07

Orgullosa de ser galega


Orgullosos e orgullosas. Creo que así deberiamos sentirnos todos os galegos e galegas logo da aprobación do Decreto de Normalización Lingüística do Sistema Educativo.

Temos a sorte de ter dúas linguas, o galego e o castelán. Unha, o galego, discriminada historicamente a favor do castelán. Non entrarei nos motivos de tal discriminación, quedarei simplemente en que é obvio que existiu. Eu, por exemplo, non tiven a posibilidade de estudar en galego. Os meus pais e avós, influídos polos prexuízos dominantes hai varios anos, aínda que entre eles falaban e falan en galego, educáronme en castelán porque pensaban que así non me ían discriminar na escola e que sería mellor para o meu futuro.
Coma min, case toda a miña xeración e as que veñen detrás están educadas en castelán, non só na escola, a familia (polo xeral), os medios de comunicación, os amigos… a nosa vida desenvólvese en castelán, obviando que temos outra lingua, o galego, que esmorece por falta de coñecemento e, polo tanto, de uso.Son española, e galega, e creo que a nosa lingua me constitúe como galega, forma parte do meu ser galega, pero tamén do meu ser española. Non entendería que nun estado plurinacional e plurilingüístico como o noso deixásemos esmorecer unha parte fundamental do que nos constitúe como membros dun país, unha parte fundamental da nosa cultura como é a lingua. Creo que sendo galega, que falando galego son tan española como un manchego falando castelán. Porque Galicia e o galego tamén forman parte da esencia de ser español.
É obriga das administracións públicas facer que a nosa lingua se manteña viva e promovela ata que acade a igualdade co castelán. Por iso paréceme tremendamente positivo introducir o galego na escola non de forma simbólica senón como unha lingua normal de expresión, unha lingua na que se poidan estudar as matemáticas, as ciencias da natureza ou a historia.
Aínda que a min, persoalmente, paréceme que o decreto “queda curto”. Tendo en conta a situación do galego nestes momentos, con estudos que indican que pode desaparecer a medio prazo se non se toman medidas, parecería máis adecuado que o ensino fose integramente en galego. Isto non impediría acadar competencias lingüísticas en castelán, pois o resto da nosa vida desenvólvese nesa lingua. É simplemente, un medio para acadar a igualdade entre as dúas linguas, non un fin en si mesmo.
Por iso me parece lamentable a posición do Partido Popular. Despois do Decreto do 83, que nunca se cumpriu, os dous partidos do Goberno, o PSdeG-PSOE e o BNG puxeron todo da súa parte para que o PP se sumase ao consenso en materia lingüística. Parecía que o Partido Popular, por unha vez, esquecía os Acebes e Zaplanas e pensaba en clave de país… pero… unha vez máis, os intereses de Génova puxéronse por riba dos intereses dos galegos e o PP... donde dije digo, digo Diego. Non pode cualificarse máis que de vergoñento semellante espectáculo.
Para aqueles que, como o PP, digan que mellor nos sería aprender inglés, quero dicirlles que concordo con eles. Que por min, as horas das clases se poderían repartir para que os rapaces e rapazas acadasen competencias lingüísticas tamén en inglés ou en calquera outra lingua. O que non admito é que traten de vender que por estudar galego non vaiamos aprender inglés, pois moitos anos levamos estudando só en castelán e non lle escoitei propoñer ao PP (que, non o esquezamos, estivo gobernando 16 anos en Galicia) restarlle horas ao castelán para darllas ao inglés. Hipocrisías as xustas, por favor, que a Galicia tamén chegou o cambio niso de que “mexan por nós e dicimos que chove”.