25.9.07

Convivencia tripartita, por Galpón de Breogán


No meu anterior post Breogán Folgueira deixábame un comentario instándome a visitar Galpón de Breogán, e máis concretamente o post "Convivencia tripartita". Ben, pois xa o fixen, e a verdade é que non parei de rir.

Sempre boto unhas boas risas con este blog, e non ía ser menos hoxe. Aínda que se me fai un pouco raro ser coprotagonista dunha historia dos fenómenos de Galpón de Breogán.


Rapaces/zas do Galpón, unha vez máis, noraboa!!

Convivencia tripartita, por Frouxeira.


Ante o advenimento inminente da crise hipotecaria e do novo curso político, as tres líderes da mocidade galega decidiron ir vivir xuntas. Deixáronse levar polas vagas promesas do goberno central e veñen de alugar unha vivenda en Compostela, na Rúa do Hórreo, con vistas ao Parlamento de Galicia.

Unha vez rematada a mudanza, gran festa inaugural! Os problemas de convivencia tamén están convidados: problemas cos amigos dunhas e doutras, que non sempre agradan por igual ás tres anfitrionas; problemas coa hora de saída, xa que algunha quere marchar a durmir cedo e as outras non dan saído; problemas ao día seguinte: quen limpa todo isto? Debate sobre quen luxou máis o salón, insultos, desafíos, guerra de poderes.

Problemas de aluguer. Non sempre hai coordinación entre as compañeiras. Quen será mellor cociñeira? Cociñará para as tres? Cantos alimentos van comunalizar? Agardo que cando menos paguen a medias aceite, azucre e sal; e logo tamén podían o arroz, a pasta, os ovos… Velas ás tres almorzando adurmiñadas na mesma mesa será unha proba de saúde democrática.

Mais os problemas quizais non só veñan da cociña. Quen limpará máis, quen menos? Unha ben pode ser maniática da limpeza e/ou da orde, e outra algo máis deixada e desordeada. Farán turnos para limpar elas mesmas, en plan autarquía? Ou contratarán a unha chacha latinoamericana, externalizando os servizos?

Cuestións máis espiñentas, máis privadas: Van levar todas á parella a durmir? E como serán os encontros nocturnos no cuarto de baño, entre cónxuxes e compañeiras?

Son os praceres da convivencia. Son os conflitos. Sempre se poden resolver con pacíficas veladas diante do televisor. Poranse sequera de acordo para ver un programa que lles guste ás tres? Quizais vexan os luns Hai Debate! coa mesma emoción que os futboleiros ven o partido todos xuntos o domingo aínda que non sexan do mesmo equipo.

Semellante convivencia sería toda un exemplo de unidade nacional. Canto duraría? Transmitiríase en directo pola TVG?

19.9.07

210 Euros


Pois sí que están dando que falar os 210 €!


Onte a Ministra de Vivenda, Carme Chacón, e máis o Presidente do Goberno, J. Luis Rodríguez Zapatero, anunciaban o Plan de apoio á emancipación e impulso do aluguer. E dende ese momento é o tema estrela.


É evidente que 210 euros non solucionan o problema da vivenda, pero axudan. Dende o comezo da lexislatura estanse dando pasos importantes para mellorar a calidade de vida dos xóvenes no que acceso á vivenda se refire.


Pasamos dun aumento dos prezos da vivenda do 150% entre o ano 98 e o 2005 a que empezara a baixar a un ritmo lento pero seguro(como dicía aquela campaña). Sen dúbida, algo terán que ver as medidas do Ministerio de Vivenda.


En España, a diferencia do resto dos países da UE, non existe unha cultura do aluguer. Supoño que a moitos de vós tamén vos darán a tabarra na casa con iso "vai mirando de comprar un pisiño", "igual que pagas o aluguer tamén podes ir dando a entradiña para un piso"...etc, etc..

E non se entende que non sexa unha das nosas preocupacións fundamentais ter un piso. Eu quero ter unha vivenda, un lugar onde desenvolver o meu proxecto de vida, pero non necesariamente ten que ser miña. Esa é a filosofía de moitos países da UE, que levan moitos anos centrando os esforzos no tema dos alugueres.


Por suposto, aqueles que queiran hai que darlles todas as facilidades para que poidan acceder a unha vivenda en propiedade, pero tamén facilitarlles o tema a quen se decida polo aluguer e non pola compra.


En fin, este post medio en coña medio en serio, sírveme para decir que é nestes momentos cando me sinto orgullosa como moza de militar no Partido Socialista. Zapatero prometeu non fallarnos e non o está facendo.


De seguro que quedan moitas cousas por facer, pero un país non muda en catro anos, o importante é ir dando pasos. E este é un gran paso para a mocidade.

10.9.07

Fogar de Breogán



Déixovos o último artigo publicado en Vieiros.

Fogar de Breogán, ese debería ser o lugar común de tódolos galegos e galegas. Alí onde confluiran o sentirse galego a súa maneira que cada un temos.

Mais non, desgraciadamente sucede todo o contrario. Novo enfrontamento no fogar de Breogán, esta vez a causa do himno, o himno de Galicia.

Eu ás veces penso que hai determinados políticos que teñen adicción ós medios de comunicación, gústalles saír, estar na boca de todos. E o digo porque determinadas propostas xurden así, un día, sin máis, como cando, de súpeto, sacamos un coello da chisteira.

Esto é o que me parece que pasou co tema do himno. Un día o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, acordouse que en decembro se cumplían cen anos da primeira vez que foi recitado, alá en Cuba, e deulle por dicir que os rapaces e rapazas tiñan que estudialo nas galescolas.

A min paréceme ben que os nenos coñezan o himno, non sei si un rapaz de 3 anos ten a suficiente “madurez” como para iso, pero, en calquera caso, paréceme normal que se traballe con él nas escolas infantís, pois sempre é positivo que os rapaces galegos se familiaricen con algo que forma parte da súa cultura.

Agora ben, formular esto case como dogma de fe, que é o que fixo Quintana, xa me parece demasiado. É que ademáis é tan evidente que é froito da improvisación que asusta. Imos ver, Vicepresidencia, responsable das galescolas, negociou coa Consellería de Educación o Decreto polo que se establecían os contidos de estudo na etapa de educación infantil, e en ningún momento planteou de maneira directa o tema do himno. Si supoñemos, como defende algunha xente, que eso xa se contén no Decreto cando fala de coñecer os símbolos e a cultura galegas non entendo esta polémica dende ningunha óptica; e si, polo contrario, entendemos que non está contemplado dentro diso, por qué non o planteou Vicepresidencia no seu momento? Non se pode gobernar un país dende a improvisación.

Reflexionando sobre isto, e xa digo que a min non me parece mal, o que me pregunto é: que lle parecería a Quintana que o Estado, cando fixa os contidos mínimos dalgunhas asignaturas, fixase, por exemplo na de música, que os rapaces españois teñen que aprender a tocar o himno de España dende pequenos? Pensaría o mesmo que manifesta con respecto ó himno galego?

Ou si o himno español tivese letra, apoiaría Quintana que os rapaces o coñecesen ó mesmo tempo que ó galego? Neste mesmo senso, apoiaría Rajoy para o himno español o mesmo que critica para o galego?

Sobre a estupidez do diario El Mundo con respecto ó noso himno creo que se comenta por sí soa. En calquera caso creo que se resume no propio himno: “non nos entenden, non”.

Xa para rematar paréceme que Quin estivo pouco áxil nesto do himno, mágoa que non se lle tivese ocorrido antes, podería telo presentado ó concurso de Vieiros “A polo ghit” para escoller a mellor canción do verán. Si ademáis lle poñía voz “Superpiñeiro” de seguro que hoxe todos estaríamos gozando ó son de “Os Pinos” soando por doquier nos centos de festas que cada verán se celebran no noso país, tamén nas que organiza a Vicepresidencia. Aí, Quin, faltouche un verán.

9.9.07

Losada en Galpón de Breogán


É un dos mellores blogs, páxinas web ou como queirades denominalo: Galpón de Breogán. A política galega vista con humor.

Dende aquí quero felicitar ós seus "ideólogos", porque sempre me fan rir un bo cacho cos seus escritos. O último, e un dos mellores que lin, é sobre o cese de Antón Losada. Déixovolo para que botedes unhas risas, e non deixedes de pasar por Galpón de Breogán.



TITULARES DE PRENSA DO DÍA 1, DO ANO 1, DA ERA POST-LOSALIANA.-



La Voz de Galicia:
Losada deixa o bipartito tras louvar a traxectoria empresarial e humana de Santiago Rey

-Faro de Vigo:
Antón Losada marcha da Xunta sen fixar os prazos de chegada do AVE a Vigo e da Variante de Cerdedo

-El Correo Gallego:
O socialismo coruñés de Méndez Romeu provoca a caída de Losada trala súa valente defensa da Cidade da Cultura

-El Ideal Gallego:
Paco Vázquez celebra a saída de Losada e acúsao de fomentar o exterminio do L na cidade

-La Opinión de A Coruña:
Antón Losada tamén obtivo unha participación eólica na serra do Xistral e un piso no Parrote

-Galicia Hoxe:
Losadazo (con foto de A.L. metendo o dedo no nariz)

-La Región:
Baltar ofrécelle a Losada asilo político e non descarta que lidere a reconquista do feudo alaricano

-El Progreso:
Cacharro a Losada: “Non te queixes, que en dous anos é imposible collerlle aprezo ao posto”

-El País:
O Presidente Touriño tumba a Losada logo da loita dos carteis da Vicepresidencia destapada por El País

-ABC Galicia:
Os duques de Lugo, pouco afectados pola purga ao secesionista Losada

-El Mundo:
Cae o número dous de Quintana, o máximo impulsor de levar un himno de paletos ás escolas de paletos

6.9.07

Ó BNG váiselle a forza pola boca...


Ós do BNG éncheselles a boca cando falan da mocidade. Sempre din, ademáis, que a xente moza vota preferentemete ó BNG, nunca dixeron en qué se basaban para facer tal afirmación, pero o caso é que non paran de repetilo.

Igual que repetían cando gobernaba o PP que o asociacionismo xuvenil galego estaba morto, que a Administración afogaba económicamente ás asociacións, o cal non lles permitía facer actividade. En definitiva, nunca se quixo un movemento asociativo forte e unha sociedade civil organizada.

Ata aquí dacordo con eles, antes pasaban de nós, dos xóvenes. Pero...e agora? Cun director xeral de xuventude no que moitos depositamos as nosas esperanzas; non era para menos, é alguén que ven do movemento asociativo xuvenil, da base pura e dura, que foi Sº Xeral de Galiza Nova...alguén que, se supón, nos ía entender e potenciar o asociacionismo.

Pois ben, dende que chegou ó cargo, que fixo? Pois ademáis de convocar o macroxogo de rol, a revolta irmandiña, no Castelo de Monterrei (ollo, non o critico, creo que está ben, pero que hai cousas máis urxentes), de manter algunhas políticas do PP pero cambiándolles o nome (para mostra un botón : GZCREA) e de, como non, galeguizar os campamentos de verán da Xunta (só faltaría que os nenos non coñecesen a nosa lingua e a nosa cultura, olvidóuselle o tema do himno, que magoa!) pois pouco máis.

Pero ó peor é o que non fai. A día de hoxe, 6 de setembro, as asociacións xuvenís non sabemos si temos concedida a axuda que pedimos á Dirección Xeral de Xuventude e cuxa convocatoria saeu no DOG do 20 de abril. Case 5 meses para resolver! E aínda non sabemos nada. E o que é aínda peor, segundo esta orde hai que xustificar a subvenvción recibida antes do 31 de outubro.

Pois nada, haberá que poñer as pilas para montar unha actividade nun mes e medio escaso, planificala, executala e xustificala. Dios nos pille confesados!

En fin, a estes do BNG váiselles a forza pola boca. Ó final a revolta irmandiña imos ter que facela nós, pero para que nos atendan como é debido.

Na páxina web de Xuventudes Socialistas atoparedes a nota de prensa que enviamos hoxe protestando por este retraso.