30.5.08

Tribus por descubrir


Hoxe aparecía en diversos medios de comunicación o descubrimento dunha tribu na selva amazónica, na fronteira entre Brasil e Perú que non tivo nunca contacto co home blanco.



Parece incrible para nós, homes e mulleres brancos, europeos, inmersos no mundo das TIC parece incrible.







Ó certo é que me desperta moita curiosidade, debe ser a miña vocación frustrada esa que teño de estudar antropoloxía.





A pregunta que me xurde é que vai pasar agora que os descubriron. Porque...quen somos nós para cuestionalos ou molestalos?

21.5.08

Vai de ensino...




"Quen abre as portas dunha escola pecha unha prisión"


[Víctor Hugo]




"Educade ós nenos e non será necesario castigar ós homes"


[Pitágoras]




"Cando o aprendido se olvida queda a educación"




15.5.08

Poligamia



Lía hai días nos diarios a noticia de a que Vicepresidenta do Goberno, Mª Teresa Fernández de la Vega, se mostraba “horrorizada” pouco despois de sacarse unha foto en Níger cun home e as súas tres esposas.

Sei que este non é un tema fácil, e tampouco eu teño unha postura clara ou ben definida. Así que este artigo será un pouco a modo de reflexión de cousas que se me pasan polan cabeza a respecto disto.

Sempre crin que non existen valores nin dereitos universais, pois en cada lugar do mundo cada un deles pode ter unha interpretación diferente en función da cultura, da relixión, da evolución da sociedade… e porei un exemplo cun dereito fundamental como é o dereito á vida. Mesmo dúas persoas que viven na mesma sociedade, na española por exemplo, poden ter un concepto diferente do que significa o dereito á vida ou cal é o propio concepto de vida. Por iso as diferentes posturas en torno ó aborto ou á eutanasia.

Partindo desta base cústame estar de acordo co horror que manifestou a Vicepresidenta.

É dicir, podo coincidir no seu horror se estas mulleres non decidiron libremente a vida que queren levar (cousa seguramente probable), se non decidiron que queren compartir a súa parella con outras mulleres. Pódome sentir horrorizada pola falta de liberdade das mulleres en moitos países, e tamén en concreto en Níger. Sei ademais, que a poligamia é fundamentalmente masculina, e que non se dan apenas caso de poliandria. Pero creo que a Vicepresidenta debeu matizar máis as súas declaracións, matización no sentido que agora comentarei.

Non comparto que se mostre horrorizada pola poligamia en si. Nun país como España no que o concepto de matrimonio xa non é, afortunadamente, monolítico, non sei que ten de malo respectar que as persoas elixan libremente a súa forma de vivir, en parella, tres, catro ou as persoas que sexan e dos sexos que sexan. Supoño que iso é a liberdade.

Non pretendo abrir un debate que non está na sociedade cal é o da poligamia ou o do seu recoñecemento oficial.

Simplemente entendo que aqueles que cremos na idea exposta polo Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, en torno á Alianza de Civilizacións, deberiamos pensar un pouco antes de facer determinadas manifestacións en torno a cuestións culturais ou relixiosas doutros países.E dígoo porque non haberá verdadeira alianza entre os pobos se uns non nos respectamos ós outros, sempre, por suposto, dentro do marco da declaración dos dereitos humanos, pero sempre tendo tamén claro que a cultura occidental non ten por que ser a mellor por ser a nosa e non intentando impoñerlla a ninguén.

14.5.08

Está o galego en crise?



Está o galego en crise?

Esta e outras foron as preguntas que hai uns días nos fixeron en no diaro dixital GZNación ás responsables das tres organizacións políticas xuvenís.

Se queredes escoitar o debate, podedes facelo aquí.

9.5.08

Entrevista con Maria, a bloggeira máis veterana

Recoméndovos que non vos perdades esta entrevista. Maria Amelia, ós seus 96 anos demostra, ademáis de moita vitalidade, moito sentido do humor.

E ademáis encántame a descripción que fai de Zapatero, "alguén que acaricia ó público coa mirada"

6.5.08

Tan galegos coma nós


Déixovos o artigo que este luns me publicaban en Vieiros.


O domingo regresei de París dunha viaxe na que compartín un par de días con descendentes de galegos e galegas que un día tiveron que emigrar en busca dun mundo mellor, ou simplemente en busca da supervivencia.

Os 21 eran mozos e mozas que non pasaban dos trinta anos, só dous deles naceran en Galicia, os demais naceran noutros países: Alemaña, Francia, Suíza, Holanda…

O primeiro que se me fixo raro é que cando os escoitei falar tiñan un acento galego… coma se nunca saíran da nosa terra. Ademais, cada un reproducía os trazos do bloque dialectal ó que pertencía. Non daba creto que rapaces e rapazas que naceron, viviron e viven noutro país foran capaces de manter ese galego tan noso, tan…galego, sen un chisco de contaxio de acento alemán ou francés.

O segundo que me sorprendeu foi o coñecemento que tiñan sobre Galicia. Sobre a Galicia actual. Eligio, un holandés nacido en Urdilde, falábame da autovía Santiago-Brión coma se todos os días pasase por ela para ir ata Santiago, e do corredor que ían construír e mesmo dos distintos posicionamentos sobre a variante de Noia…

Logo descubrín que tiñan un amplo coñecemento sobre a cultura tradicional e actual galega. Case todos sabían tocar a gaita galega ou a pandeireta, e ata o sacho… Mesmo sabían máis do que sabemos moitos que vivimos en Galicia.

Abraiada quedei cando preguntándolles de onde eran o que respondían non era Zurich, Nüremberg ou Xenebra, senón Verín, Guitiriz ou O Carballiño.

Algúns querían “volver” a Galicia. Volver? Pensaba eu… Como se volve a un lugar do que nunca marchaches? Que errada estaba, Galicia é o seu lugar, o seu país… Son holandeses porque naceron en Holanda, porque viviron alí… pero eles séntense galegos e galegas, por iso non din que queren vir, senón que queren volver, porque a nosa terra tamén é a súa.

Levan tan dentro a Galicia… se non o vise cos meus propios ollos non o crería. E non só iso, son os mellores embaixadores do noso país.

Ialma Música, por exemplo, que vai polo seu terceiro disco, cinco rapazas descendentes de galegos e galegas, que crearon un grupo e cantan en galego… en Bruxelas… e en todo o mundo…

O certo é que me quedou un regusto amargo ó rematar a fin de semana, un regusto como de culpabilidade. Porque cando estaba con eles, que se sentían tan galegos coma min, cando compartía risas, conversas e música con eles dábame conta da ignorancia na que vivimos as mozas e mozos galegos de que existe outra mocidade, que sente a nosa terra tanto coma nós, á que nunca temos en conta porque para nós non existe.

Suízos galegos, alemás galegas, franceses galegos, belgas galegas… tan galegos coma nós.