6.7.09

Da maledicencia

Como moitos sabedes, durante catro anos presidín o Consello da Xuventude de Galicia. Seguramente tamén teñades escoitado nos últimos tempos versións interesadas sobre o que sucedeu na última asamblea desta entidade, o pasado 28 de marzo. Ata o momento non me pronunciei nunca sobre o tema, pois creo noutra maneira de facer política que non é a de entrar a desmentir inxurias e calumnias. Non entrei sobre todo porque creo nesta entidade, porque traballei a reo durante 4 anos porque fose coñecida máis alá das loitas "políticas" que moitas veces se dan no seu seo, e porque creo que se estaba conseguindo. Pero ata aquí cheguei. E hoxe quero facer bastantes puntualizacións.

1. Din as NNXX do PP que pretendemos perpetuar unha estirpe familiar no CXG porque Azucena Rodríguez, miña irmá, se presentou a Presidenta deste organismo no momento en que eu deixaba a Presidencia.

Ben, non sei onde está escrito que unha persoa teña menos capacidade por ser parente doutra (recordo máis ben as palabras de Manuel Fraga dicindo que os fillos dos dirixentes do PP estaban máis capacitados para acceder a determinados cargos). Azucena non ten nada que demostrar, mal que lle pese a algúns, porque hai está o seu curriculum asociativo. Responsable de IESGA a nivel galego, membro das Xuntas de Escola, da Xunta de Goberno e de diversas comisións na UDC (a onde se accede porque te voten os teus compañeiros, non por ser familiar de ninguén), cunha ampla experiencia no asociacionismo internacional e no de tempo libre, no ámbito da educación formal e non formal... en fin, que experiencia non lle falta.

Pero é que me sorprende especialmente que os do PP a critiquen por ser miña irmá cando nos dous últimos anos compartiron con ela o Comité Permanente do Consello da Xuventude. E non só iso, senón que tamén a votaron para o cargo que desempeñou ata o momento, que era o de Secretaria Xeral do CXG a proposta da asociación IESGA. Por qué entón agora tanto rebumbio? Por qué critican agora o que valía hai 2 anos?

E digo eu, que pensarán da "estirpe familiar" dos Baltar, por exemplo? Ou de Alfonso Rueda, fillo dun ex senador do PP?

2. Cando dende NNXX se ten que aludir a relacións persoais e sentimentais para criticar a elección dunha Permanente do CXG é que moitos argumentos non hai. Non sei si a María Seoane, que tanto alude á miña relación con Jose Manuel Lage, saír cun concelleiro santiagués lle impide tomar as as súas propias decisións. Debe ser que "pensa o ladrón que todos son da súa condición". Eu penso por min mesma dende hai tempo, igual eso é o que non gusta moito. E afortunadamente sei diferenciar o ámbito político do persoal, cousa que a responsable de NNXX parece que lle custa traballo.

3. José Manuel Lage acudíu en calidade de invitado á asamblea do CXG, como ex presidente que é da entidade, como xa tiña feito en anteriores ocasións sen que a NNXX lle supuxese ningún problema. Paréceme moi grave que alguén o acuse de terlle ameazado ou empuxado porque non é certo. E paréceme máis grave aínda lanzar esas acusacións gratuítamente, sen proba de ningún tipo. Dende logo, da mostra da catadura moral do personaxe que as lanza.
Decir, ademáis, que manipulou a asamblea é considerar que a maioría absoluta das asociacións do CXG, alí representada, non teñen criterio propio. E iso tamén é moi grave.

4. A situación de interinidade do CXG dende logo que non é responsabilidade miña. Se algúns se molestasen en ler a lei do CXG verían que non é decisión do Conselleiro de Presidencia nomear ou non á Presidenta do CXG, senón que é un acto debido que debería ter realizado xa hai algún tempo. Será, logo, en todo caso, responsabilidade de quen, incumplindo a Lei do CXG, non realiza o nomeamento.

5. Entendo que o Sr. Rueda esté preocupado polo "Caso Rueda" destapado polo Partido Socialista, e que leva Lage Tuñas como portavoz da área institucional do Partido Socialista. Como non atopa alfombras que levantar utiliza, a través das NNXX, a mentira e a calumnia para desprestixiar a un deputado que só fai o seu traballo. O único que lle digo é que "Quen teña o tellado de vidro non tire coa pedra ó do veciño".

A Lage só dicirlle que siga traballando como ata o de agora, porque como di o refrán "cando os corvos berran, señal de que chove"