18.4.08

El Chiquifacha




Humor ante a traxedia que supoñen os fascismos.

Noraboa ó Gran Wyoming, é un xenio.

17.4.08

Entrevista a Ricardo Varela


Botádelle un ollo á entrevista que lle facían en Vieiros a Ricardo Varela, Sº de Organización do PSdeG-PSOE e Conselleiro de Traballo.

Coincido en moitas das cousas que di (FEGAMP, voto emigrante...), noutras (como o tema PSC) non coincido tanto. Pero, en calquera caso, considero que é unha interesante entrevista.

E do que non queda ningunha dúbida é de que, cos datos na man, temos un excelente Conselleiro de Traballo.

16.4.08

Zapatero acertou de cheo



Déixovos o artigo que onte me publicaban no xornal.com


Dende onte España é un pouco máis democrática. Ó mesmo tempo que as nove ministras prometían o seu cargo; ou no momento en que Carme Chacón, nova ministra de Defensa, pasaba revista ás tropas; ou cando unha muller de 31 anos era considerada persoa con todos os dereitos e deberes, con todas as capacidades... neses momentos a calidade da democracia española melloraba.

Melloraba porque por fin a metade da poboación é a metade do Goberno, por fin a metade da poboación ocupa a metade dos postos de responsabilidade... Medraba porque por fin as mozas e mozos somos considerados persoas e non meros chuchadores sociais, mileuristas que só se preocupan do botellón da fin de semana...

É que como muller e como muller nova non me podo sentir máis orgullosa do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O presidente que nos devolveu a voz, o que nos recoñeceu a dignidade que moitos pretendían roubarnos, o home que considera as mulleres como aquilo que son: persoas.

E non só me gusta este Goberno por ser muller e nova, ou porque considero que os seus integrantes teñen cualificación máis ca suficiente para desenvolver a tarefa que se lles encomendou, aínda que tempo teremos de comprobar iso, senón porque despois de escoitar a dereita partidaria e mediática téñoo claro: Zapatero acertou de cheo.

Os do PP din que é continuísta. E dino coma se isto fose malo. Pois a xestión deste Goberno continuísta foi a que valorou a cidadanía o pasado 9M e aí están os resultados. Continuísta, pero ó mesmo tempo non lle gustan as novas incorporacións... En fin, neste caso creo que se cumpre iso de que ven a palla no ollo alleo e non ven a viga no propio. Non deixa de facerme graza que sexa Rajoy precisamente o que fale de continuísmo... Cousas veredes...

E xa para rematar, unha pequena maldade que non podo evitar, seguramente será politicamente incorrecto, pero non pode deixar de darme gusto pensar nalgún xeneral deses que se puña firme ante o xeneralísimo, ou dos que o 23F estaban a piques de facer festa, ter que pórense firmes agora ante a súa xefa, muller e embarazada, e roxa.

14.4.08

Eu, republicana



Hoxe, unha vez máis, quero manifestar que me sinto republicana, republicana con todo o que iso conleva, e tamén republicana dende a nostalxia da República do 1931...


A organización á que pertenzo, as Xuventudes Socialistas, tamén nos definimos como republicanas nos nosos estatutos e no documento político:

ESTATUTOS NACIONAIS DAS XSG APROBADOS NO XII CONGRESO:


Artigo 1
[...]
XSG é unha organización que se define como socialista e galeguista. Así, os valores fundamentais nos que asenta a súa ideoloxía son: a liberdade, a igualdade e a solidariedade, o galeguismo, a tolerancia, a participación, o desenvolvemento sostible, o pacifismo, o republicanismo e o federalismo.

DOCUMENTO POLÍTICO DAS XSG APROBADO NO XII CONGRESO


Parágrafo 7 liña 7:"Queremos unha Constitución que afonde na chegada da República, do federalismo, do laicismo, dos valores republicanos da cidadanía e na defensa máis decidida e profunda dunha democracia mellor."

10.4.08

A nosa lingua

Déixovos un artigo que onte me publicaban no Xornal.com:


A verdade é que lle levo dado moitas voltas a como as administracións públicas poderían potenciar o uso do galego na sociedade, sobre todo entre a xente moza. Non me parece un tema sinxelo. E non mo parece porque non comparto as opinións dalgúns que queren impoñelo a toda costa. Creo que a súa potenciación ten que pasar por presentar a nosa lingua como algo útil e atractivo.

Xa manifestei en varias ocasións que estou de acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega que propón, entre outras cousas, que na escola a metade das materias se impartan en lingua galega. Tamén dixen que eu incluso iría máis alá e chegaría ata o 100%, salvando lingua e literatura españolas, claro está. Creo que a educación é un dos poucos instrumentos dos que dispoñen as administracións para contribuír ó uso do galego.

Temos que intentar que cada vez a nosa lingua ocupe máis ámbitos dentro da sociedade, que a xente se habitúe a escoitar galego e, polo tanto, a falalo. E se os rapaces e rapazas o escoitan todo o día na escola non o verán como algo raro nin imposto, ó contrario do que predican algúns, senón como algo normal. Que un mestre ou mestra che fale na lingua propia de Galicia non debería xerar polémica ningunha.

Mais creo que non é suficiente con isto.

Sempre que collo na man un periódico, cando me decato de que todo está en castelán, pregúntome por que a maioría dos periódicos de Galicia só fan as súas informacións en castelán. Moitos nin sequera respectan as declaracións que se lles fan en galego, xa que as traducen inmediatamente ó castelán. E digo eu, se a Xunta de Galicia lles dá cuantiosas subvencións ós medios de comunicacións, ben subvencións directas ou ben a través de convenios coas consellerías, por que non esixirlles que o periódico ou cando menos unha parte del estea en galego? Non foi positivo para toda unha xeración programas como o do Xabarín Club? Os nenos asumiron con toda normalidade que os debuxos animados tamén se podían ver en galego. Mesmo algúns xa non lle atopamos graza a As bolas do dragón ou a Sin Chan (o "cuíño cuíño non sona igual en castelán"). O outro día escoitaba que a partir de agora os cómics de Asterix e Obelix xa non se publicarán máis en galego. E digo eu, non haberá suficientes subvencións como para que ningunha editorial decida seguir coa súa publicación na nosa lingua? Non teño ningunha dúbida de que sería unha medida positiva de cara a fomentar o uso da lingua galega.

E como foi un debate que se deu hai non moito quero opinar sobre a obriga dos cargos públicos de falar en galego no exercicio do seu cargo. E direi que si, que estou de acordo en que os cargos públicos de Galicia se expresen en galego nas súas intervencións públicas. Logo na súa casa cada un que faga o que queira. E paréceme que debe ser así porque isto non fai máis que contribuír á normalización da nosa lingua, á normalización do seu uso, a eliminar esa idea que aínda segue vixente nalgúns sectores sociais de que o galego é de "pailáns".

E algúns, preocupados polo descenso de falantes da nosa lingua, aínda temos que escoitar declaracións como as do líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijoo e outros do seu partido dicindo que se pretendemos impoñer unha lingua única como no franquismo. Será que non entende a diferenza entre "impoñer" e discriminación positiva? Será que non entende que hai unha lingua, o galego, que durante séculos estivo asoballada polo castelán e que a única maneira de que non desapareza é potenciándoa?

Ollo, tamén creo que potenciar non é impoñer. E coido que actuacións ou propostas de determinados colectivos e mesmo dalgún partido político non axudan en nada a normalizar a nosa lingua. Igual que creo que o galego é unha lingua propia, distinta do castelán, tamén creo que é distinta do portugués. Creo que é unha lingua única, que nos identifica, e que debería servir para unirnos e non para separarnos. Unha lingua, como dicía unha campaña que fixo, xa hai tempo, a Joventut Socialista de Catalunya, para bicar e non para odiar.

9.4.08

Debate de investidura e compromiso con Galicia


Debate de investidura:

O BNG non vai a votar a favor da investidura de Zapatero. Zapatero comprometeuse con Galicia, como candidato á presidencia do goberno polo Partido Socialista a:

- prioridad absoluta para que o AVE chegue no 2012
- completar as transferencias pendentes
- manter o 8% da inversión territorializada para Galicia

O BNG non vai a votar a favor da investidura de Zapatero. Pero os compromisos están aí.

Entón, eu pregúntome: BNG forza decisiva en Madrid ou un futuro Presidente do Goberno comprometido con Galicia?

Eu teñoo claro, a forza decisiva atópase nos votos de milleiros de persoas que votaron ó PSdeG-PSOE, que apoian a Rodríguez Zapatero como Presidente do Goberno, a un candidato que se comprometeu(non a cambio deses dous votos supostamente decisivos)con Galicia, e que o fixo porque cree no noso país, sen necesidade de presións nin coaccións de ninguén.

Forza decisiva? Sí, a do Partido Socialista.

8.4.08

Lingua de Amor II


...porque aínda me saben as lambonadas que nos traías cando ías vender á plaza…e os bolos preñados cando “cocías”…

...polas “nancys” que nos sorprendían cada 6 de xaneiro na saliña de arriba…

...polas 100 pesetas que nos dabas para mercar a super pop...

...porque non olvido que prendías a luz cando ías para a cama pra ver si durmiamos…

...polo sorriso co que nos recibes cando chegamos….e polas bágoas que verques cada domingo cando marchamos…

…por deixarme poñerche os rulos aínda que non teño nin idea de perruquería…

...por querer cocer cachucha cada vez que vou á casa porque a min gústame moito…

...porque cada domingo te preguntas que comemos toda a semana se nunca levamos ovos, chourizos ou leitugas...

...por aprender a usar o móbil só para falar comigo...

...porque quero que saibas que Internet, iso que non entendes, tamén serve para querer...e querer quérote un mundo, avoa...


P.D. Esta é a miña contribución ó concurso Lingua de Amor. Xa que non podo participar del, quero aproveitalo para declararme..en galego.

7.4.08

Chabolismo


Déixovos o artigo que o pasado venres me publicaban en Vieiros.

Non é tema fácil falar do que está sucedendo estes días na Coruña a conta da polémica polo realoxamento dos chabolistas que viven no poboado de Penamoa, ou en Monteporreiro e O Vao. Aínda que a exposición que vén a continuación se centra no caso da Coruña podería aplicarse perfectamente ó caso pontevedrés, é unha cuestión de proximidade que escolla esa como exemplo.

Non é fácil porque chocan moitos intereses ou sentimentos, seguramente lexítimos, e tamén seguramente fundamentados de moita xente: dos chabolistas, dos veciños de Mesoiro, Eirís ou os Rosales, do propio Concello …

Mais tamén creo que nun tema así, con toda a complexidade que ten, é necesario posicionarse, aínda a risco de non contentar a ninguén ou de recibir críticas dun ou doutro lado. Para facelo direi que case toda a miña vida vivín moi preto dun poboado chabolista de familias xitanas en Lugo, o poboado do Carqueixo, co cal, cando falo, fágoo con algún coñecemento de causa.

Teño escoitado non poucas veces a algún veciño meu dicir iso tan común de "eu non son racista pero os xitanos non os quero". E dicíao pola experiencia que el tiña con respecto a ese colectivo, e polo tanto lexitimamente. Pode que incluso, dende o seu punto de vista persoal, con razón, pois valorábaos polo que coñecía.

Tamén escoitei moitas veces iso de que "os xitanos non se integran nin de broma", cousa que entendo dende o punto de vista das persoas ás que llo teño escoitado, pero na que non coincido, cando menos expresado de tal xeito.

Pero dito iso, creo que as administracións públicas teñen a obriga de tratar todas as persoas en condicións de igualdade, sen discriminación de ningún tipo, tampouco por razón de raza. E creo que en toda esta polémica moitas veces se está caendo na discriminación dende a propia Administración.

É dicir, hai un poboado chabolista en Penamoa, que hai que desaloxar porque se van facer alí actuacións urbanísticas. Ben. O primeiro que ten que ter claro calquera Administración é que non se realoxan xitanos, realóxanse persoas, e como tal deben ser tratadas. Esta é a primeira trampa na que, dende o meu punto de vista cae a Administración, a de centrar na raza o traslado do poboado chabolista. Para os veciños serán xitanos, pero para a Administración deben ser persoas.

Direi tamén que non comparto a proposta da Vicepresidencia de facer poboados de transición, cando menos tal e como se formulou. Supoño que o obxectivo de toda Administración que teña un poboado chabolista nun municipio debe ser a da integración progresiva desas familias no contorno da cidade dende un primeiro momento, non cando non queda máis remedio. Falar de poboados de transición agora significa recoñecer que non fan ou non se fixeron ben políticas sociais, de inserción, educativas ou formativas durante todo este tempo. Digo eu que os poboados de transición terán que ser iso, de transición, dende o primeiro momento.

Dende logo, isto fíxose nalgunhas zonas da cidade da Coruña, por exemplo nas Rañas ou en Orillamar, con notable éxito por parte dos sucesivos gobernos municipais.

E outra cousa máis na que creo que nos equivocamos cando falamos deste tema, é a integración. Teño a convicción de que para nós, moitas veces, integración significa que o pobo xitano adopte as nosas tradicións e costumes, as dos paios, que loxicamente nós consideramos as mellores. Pois creo que o punto de partida é erróneo. Non se trata de que abandonen os seus costumes, senón de que todos poidamos convivir con normalidade, cada quen segundo vexa mentres non moleste ó do lado.. Todos e todas, sexa cal sexa a nosa raza, paios e xitanos, temos que respectar as leis e as normas das que nos dotamos. Considero que integrar significa respectar a legalidade e, alén diso, compartir o común e respectar o diferente E mentres iso non sexa así non haberá integración posible, porque moitas veces buscamos uniformidade, buscamos impoñer como teñen que vivir os demais, e iso é imposible e pouco respectuoso coa pluralidade coa que moitas veces se nos enche a boca.

E xa para ir rematando, podo comprender, aínda que non o comparta, o medo dalgúns veciños de Mesoiro ou doutra zona a que persoas que venden droga vaian ser os seus veciños. Paréceme unha xeneralización absurda e fóra da realidade, pero podo entendela como persoa. O que xa non entendo é que isto os leve a actuar de determinados xeitos, facendo barricadas para que supostamente non entren determinadas persoas no barrio.

Persoas que, como moitos, entraron nunha listaxe para acceder a un piso de protección, que cumprían os requisitos, e que teñen o mesmo dereito ca eles a gozar, mentres paguen, da súa vivenda. Non creo que a mellor maneira de protestar contra unha suposta delincuencia sexa utilizar determinadas formas violentas que se usaron. Non se pode xustificar a ninguén que copia actuacións “nazis” marcando os edificios onde supostamente viven persoas de raza xitana. Aí xa non hai comprensión posible, o que ten que haber é aplicación da lei por racismo e discriminación.

E tampouco entendo que de xeito ilegal se ocupen determinadas vías como a de entrada á cidade da Coruña, provocando un caos xeneralizado de tráfico e moitos inconvenientes ó resto da cidade. Son pacífica, e creo no diálogo, pero tamén creo que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado están para algo. E se alguén de maneira ilegal ocupa unha vía pública terán que actuar. Ou non o fixeron cando foron as protestas dos traballadores despedidos de Attento (aquelas si con razón) que apenas ocupaban a vía pública e cargouse igual contra eles incluso de xeito desproporcionado?

Hai xa algúns anos que vivimos en democracia, e hai determinadas actuacións que non se poden consentir. Cando se goberna hai que facelo con valentía. Hai que escoitar a todo o mundo que se manifeste con corrección ós seus posicionamentos e logo tomar a decisión máis xusta para todas as PERSOAS.

3.4.08

Lingua de amor


Lingua de Amor é o concurso de declaracións de amor en galego a través do correo electrónico que por segundo ano organiza o Consello da Xuventude de Galicia a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.

Déixovos a mensaxe ganadora do primeiro premio do pasado ano:

"Polos zumes de laranxa e pomelo que me fas cada mañá. Por deixarme que poña a Morrissey 26 horas ó día. Por non te rires da miña manía de poñer sempre o mesmo calcetín no mesmo pé. Por aturar as miñas arroutadas cun sorriso. Polos bicos que curan a resaca. Por seres o que máis me gusta de min. Porque non cho dixen no seu momento. Quérote".

Como vedes, hai moitas maneiras de manifestar o amor. A min esta gustoume particularmente.

Si queredes manifestarlle o voso amor á vosa parella, ós vosos pais e nais, ó voso país...non o dubidedes http://www.linguadeamor.eu/

E ademáis interesantes premios!!