10.4.08

A nosa lingua

Déixovos un artigo que onte me publicaban no Xornal.com:


A verdade é que lle levo dado moitas voltas a como as administracións públicas poderían potenciar o uso do galego na sociedade, sobre todo entre a xente moza. Non me parece un tema sinxelo. E non mo parece porque non comparto as opinións dalgúns que queren impoñelo a toda costa. Creo que a súa potenciación ten que pasar por presentar a nosa lingua como algo útil e atractivo.

Xa manifestei en varias ocasións que estou de acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega que propón, entre outras cousas, que na escola a metade das materias se impartan en lingua galega. Tamén dixen que eu incluso iría máis alá e chegaría ata o 100%, salvando lingua e literatura españolas, claro está. Creo que a educación é un dos poucos instrumentos dos que dispoñen as administracións para contribuír ó uso do galego.

Temos que intentar que cada vez a nosa lingua ocupe máis ámbitos dentro da sociedade, que a xente se habitúe a escoitar galego e, polo tanto, a falalo. E se os rapaces e rapazas o escoitan todo o día na escola non o verán como algo raro nin imposto, ó contrario do que predican algúns, senón como algo normal. Que un mestre ou mestra che fale na lingua propia de Galicia non debería xerar polémica ningunha.

Mais creo que non é suficiente con isto.

Sempre que collo na man un periódico, cando me decato de que todo está en castelán, pregúntome por que a maioría dos periódicos de Galicia só fan as súas informacións en castelán. Moitos nin sequera respectan as declaracións que se lles fan en galego, xa que as traducen inmediatamente ó castelán. E digo eu, se a Xunta de Galicia lles dá cuantiosas subvencións ós medios de comunicacións, ben subvencións directas ou ben a través de convenios coas consellerías, por que non esixirlles que o periódico ou cando menos unha parte del estea en galego? Non foi positivo para toda unha xeración programas como o do Xabarín Club? Os nenos asumiron con toda normalidade que os debuxos animados tamén se podían ver en galego. Mesmo algúns xa non lle atopamos graza a As bolas do dragón ou a Sin Chan (o "cuíño cuíño non sona igual en castelán"). O outro día escoitaba que a partir de agora os cómics de Asterix e Obelix xa non se publicarán máis en galego. E digo eu, non haberá suficientes subvencións como para que ningunha editorial decida seguir coa súa publicación na nosa lingua? Non teño ningunha dúbida de que sería unha medida positiva de cara a fomentar o uso da lingua galega.

E como foi un debate que se deu hai non moito quero opinar sobre a obriga dos cargos públicos de falar en galego no exercicio do seu cargo. E direi que si, que estou de acordo en que os cargos públicos de Galicia se expresen en galego nas súas intervencións públicas. Logo na súa casa cada un que faga o que queira. E paréceme que debe ser así porque isto non fai máis que contribuír á normalización da nosa lingua, á normalización do seu uso, a eliminar esa idea que aínda segue vixente nalgúns sectores sociais de que o galego é de "pailáns".

E algúns, preocupados polo descenso de falantes da nosa lingua, aínda temos que escoitar declaracións como as do líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijoo e outros do seu partido dicindo que se pretendemos impoñer unha lingua única como no franquismo. Será que non entende a diferenza entre "impoñer" e discriminación positiva? Será que non entende que hai unha lingua, o galego, que durante séculos estivo asoballada polo castelán e que a única maneira de que non desapareza é potenciándoa?

Ollo, tamén creo que potenciar non é impoñer. E coido que actuacións ou propostas de determinados colectivos e mesmo dalgún partido político non axudan en nada a normalizar a nosa lingua. Igual que creo que o galego é unha lingua propia, distinta do castelán, tamén creo que é distinta do portugués. Creo que é unha lingua única, que nos identifica, e que debería servir para unirnos e non para separarnos. Unha lingua, como dicía unha campaña que fixo, xa hai tempo, a Joventut Socialista de Catalunya, para bicar e non para odiar.

3 comentarios:

Alonso81 dijo...

O problema é que en Galiza pasamos anos(uns 15)cun goberno que só usaba o galego nos mitins. O galego na escola era só pra asignaturas coma ximnasia ou relixión, o galego era unha lingua secundaria...pero o problema é que non era así, o galego é parte do noso ADN, cada quen pode falar como desexe pero non podemos menosprezar a nosa cultura a nosa historia.
Eu creo que nas escolas deberíase dar máis clases Importantes en galego, facer máis propaganda do feito en galego(temos series na TVG que arrasan en audiencia), facer que se vexa o galego coma algo cotián, non como unha imposición ou coma un idioma "de moda"...
O camiño é longo, pedras houbo e seguirán estando, pero a meta conseguirase.

Rosa Ardá dijo...

Hola, eu vivo fora concretamente en Madrid, teño 34 anos, así que podo decir que na clase nos non falábamos Galego, só na de lingua galega por suposto, e coñezo a miña lingua coma calquera. Na miña casa falaba galego a miña abóa, ninguen máis, agora co tempo os meus pais tamén o falan. Con isto o que quero decir é que non pasa nada por non ter todas a asignaturas en Galego, o que non se pode deixar de lado e a lingua oficial do país, temos que ser bilingües e hay escolas nas que os alumnos dan un porcentaxe moi alto de asignaturas en galego e non me parece ben porque resulta que logo non teñer nin idea de Español e a vida da moitas voltas (quen me iba a decir a min que iba a acabar traballando en Madrid).

Rosa Ardá dijo...

Perdón polas faltas ortográficas, dinme de conta despóis de publicar (avó. Cando digo que coñezo o meu idioma coma calquera refírome a que falo o galego que se fala na rúa.
Unha aperta
Rosa