13.12.07

30426 e memoria histórica




Déixovos o artigo que hoxe me publicaban en Vieiros:


Causa número 30426. Só isto xustifica a Lei de memoria histórica. É o número de causa que tiña o proceso seguido contra 57 persoas acusadas de pertencer ás Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) ou ó Partido Comunista de España.

A Lei da memoria histórica, que ben podería chamarse da xustiza histórica. A lei que lles pon nome ós esquecidos, ós perdedores, ós condenados, ó esquecemento durante décadas.

A lei que lles pon nome a trece mulleres que loitaron pola liberdade; a lei que recorda o nome das Trece rosas.

A Lei de memoria histórica que lles pon voz a Pilar Bueno Ibáñez, condenada por formar parte do Comité Provincial das JSU e por organizar a sección feminina destas; a Virtudes González, por colaborar na tarefa; e a Joaquina López Laffite polo seu cargo de secretaria feminina e de secretaria xeral.

Que lles pon voz a Carmen Barrero Aguado, por confeccionar un plan de traballo para a sección feminina; a Dionisia Manzanero por ser enlace entre diferentes membros das JSU; ou a Anita López Gallego por formar parte das JSU e participar nas súas actividades; o mesmo que Antonia Torres Llera, Victoria Muñoz García ou Elena Gil Olaya.

Que lle pon voz a Luisa Rodríguez de la Fuente, a quen lla roubaron por ser xefa duns dos grupos das JSU.

Que lles devolve a dignidade que un día lle roubaron a Blanca Brisac Vázquez e Adelina García Casillas, condenadas por intervir en traballos de organización e actividades das JSU.

Unha Lei de memoria histórica que recoñece a dignidade de Julia Conesa, condenada por vender billetes do tranvía naquel Madrid que se resistía á ocupación das tropas franquistas.

Dende aquel 5 de agosto do 1939 Julia, Blanca, Carmen, Virtudes... permaneceron non só no esquecemento dos cemiterios senón no esquecemento da memoria dos vencedores. Quixeron borrar non só da historia senón tamén da memoria a aqueles que morreron defendendo as súas ideas.

E os herdeiros dos “vencedores”, algúns ós que se lles enche a boca falando de dignidade, de xustiza ou de liberdade cando se refiren ás vítimas de ETA, ás que tamén lles quitaron a voz por pensar diferentes, eses, os mesmos, argumentan que non se poden desenterrar os mortos nin reabrir vellas feridas.

Reabrir? Pero quen pechou esas feridas? Si, durante moitos anos o réxime botoulle terra enriba, pero canta terra se necesita para non sentir os latidos do corazón daquelas que esperaban non escoitar o seu nome nas noites de “saca” na prisión das Ventas? Canta para non imaxinar a dor de Elena, de Victoria ou de Anita cando lles aplicaban correntes eléctricas en peitos, pulsos e dedos de pés e mans? Canta para non escoitar os berros das trece rosas inmediatamente antes de ser fusiladas? Canta para non sentir como esvaecían os corpos de trece mulleres tras os disparos da inxustiza?

Reabrir? Non se pode reabrir o que nunca se pechou, o que viviu no corazón dos seus familiares, na memoria dos seus compañeiros e camaradas.

Reabrir? Non. Esta lei non gaña unha guerra que perderon os que defendían un goberno lexítimo, esta lei non gaña a guerra que perderon os que non a empezaron.

Pero a aqueles que a empezaron, ós que baixo a súa bota someteron todo un pobo non lles gusta, non vaia ser que perdan a guerra que un día gañaron inxustamente, non vaia ser que a memoria os poña no lugar que merecen.

Non. Esta lei dá voz e xustiza, esta lei pon a cada quen no lugar no que debeu estar.

É o mínimo. Porque ningunha lei nos devolverá os asasinados, ningunha lei enxugará as bagoas que verteron as nais das fusiladas, ningunha lei lles devolverá os anos perdidos que estiveron no cárcere ou no exilio… Ningunha lei lles devolverá a vida nin a palabra, pero cando menos recoñeceralles a loita pola democracia, recoñeceralles a valentía, recoñeceralles a dignidade que moitos intentaron que esquecésemos.

Unha lei que cumpre, tarde, pero con xustiza, aquilo que Julia Conesa lle pedía á súa familia naquela última carta escrita poucas horas antes da súa execución: “Que mi nombre no se borre de la historia”.

Un pequeno homenaxe a Julia, Virtudes, Anita, Joaquina, Blanca… ás trece… e ós miles de treces que deixaron a vida defendo a liberdade.

2 comentarios:

Anxo Caído dijo...

É a primeira vez que comento na túa bitácora Loli.Agardo facelo a miúdo.
De certo que levas razón.Como un día me dixo Fdez.Prieto que os outros" non precisaron Memoria, por que tiveron corenta anos de Vitoria...Non se pode negar que é unha lei incompleta e cunha marxe de mellora sideral,pero era de xustiza recupera-los testemuños dos que perderon a súa vida defendendo a un goberno lexítimo.

Dentro de cen anos é posíbel que o terrorismo etarra sexa un recordo,pero non por iso deixará de ser atroz.Falamos dese mesmo terrorismo de Estado co que tanto se lle encheu a boca na pasada década ao Cancerbeiro do PP-menos mal que os tres están co libro de vacinación ao día-.

Noraboa outra vez,Loli.Saúdos bañeses.

Anónimo dijo...

Toda a razón do mundo, Loli.
Noraboa a este goberno que impulsou esta lei. Noraboa a un Parlamento que mostrou a suficiente madureza para aprobar esta lei, aínda que moitos non a desexen. Aínda máis, eses que non a desexan téñenlle medo. Por que será? Esconderán algo? Son eles o que nos intentan mostrar (demócratas) ou son os que acataban as normas de Paco cando vivía e agora só se moldearon ás circunstancias? Haberá de todo, seguro.