15.5.08

Poligamia



Lía hai días nos diarios a noticia de a que Vicepresidenta do Goberno, Mª Teresa Fernández de la Vega, se mostraba “horrorizada” pouco despois de sacarse unha foto en Níger cun home e as súas tres esposas.

Sei que este non é un tema fácil, e tampouco eu teño unha postura clara ou ben definida. Así que este artigo será un pouco a modo de reflexión de cousas que se me pasan polan cabeza a respecto disto.

Sempre crin que non existen valores nin dereitos universais, pois en cada lugar do mundo cada un deles pode ter unha interpretación diferente en función da cultura, da relixión, da evolución da sociedade… e porei un exemplo cun dereito fundamental como é o dereito á vida. Mesmo dúas persoas que viven na mesma sociedade, na española por exemplo, poden ter un concepto diferente do que significa o dereito á vida ou cal é o propio concepto de vida. Por iso as diferentes posturas en torno ó aborto ou á eutanasia.

Partindo desta base cústame estar de acordo co horror que manifestou a Vicepresidenta.

É dicir, podo coincidir no seu horror se estas mulleres non decidiron libremente a vida que queren levar (cousa seguramente probable), se non decidiron que queren compartir a súa parella con outras mulleres. Pódome sentir horrorizada pola falta de liberdade das mulleres en moitos países, e tamén en concreto en Níger. Sei ademais, que a poligamia é fundamentalmente masculina, e que non se dan apenas caso de poliandria. Pero creo que a Vicepresidenta debeu matizar máis as súas declaracións, matización no sentido que agora comentarei.

Non comparto que se mostre horrorizada pola poligamia en si. Nun país como España no que o concepto de matrimonio xa non é, afortunadamente, monolítico, non sei que ten de malo respectar que as persoas elixan libremente a súa forma de vivir, en parella, tres, catro ou as persoas que sexan e dos sexos que sexan. Supoño que iso é a liberdade.

Non pretendo abrir un debate que non está na sociedade cal é o da poligamia ou o do seu recoñecemento oficial.

Simplemente entendo que aqueles que cremos na idea exposta polo Presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, en torno á Alianza de Civilizacións, deberiamos pensar un pouco antes de facer determinadas manifestacións en torno a cuestións culturais ou relixiosas doutros países.E dígoo porque non haberá verdadeira alianza entre os pobos se uns non nos respectamos ós outros, sempre, por suposto, dentro do marco da declaración dos dereitos humanos, pero sempre tendo tamén claro que a cultura occidental non ten por que ser a mellor por ser a nosa e non intentando impoñerlla a ninguén.

4 comentarios:

Gretel dijo...

moi sabia!

Anónimo dijo...

Miña nai, por fin unha nota de liberalismo neste blog, xa era hora! As miñas felicitacións por unha reflexión coa que concordo ao 100%.

Unknown dijo...

Canta razón tes! Porque o fundamental é o respecto mutuo entre as distintas civilizacións, sempre que se respecte a dignidade das persoas.

Lord Byron dijo...

Evidentemente ,a poligamia, se é obrigada, é inaceptable. Pero, se é un acto voluntario, por que non?
Por que un home non vai poder ter máis dunha muller ou unha muller máis dun home? Eu non lle vexo ningún problema, sempre que sexa por vontade propia e con respeto.

Polo tanto, estou dacordo coa túa exposición.