30.7.08

XI Congreso do Partido dos Socialistas de Galicia





Cóstame falar do Congreso do Partido Socialista só en termos políticos, porque para min foi sobre todo un congreso de sentimentos. De sentirme socialista e de sentimentos.

Colgo a intervención das XSG na inaguración do Congreso, que me tocou facer a min, a petición de moita xente, sobre todo dos bloggers. De José Luis Prieto, de Cesar Calderón, de Dani Casal, de Adriana...que me fixeron sentir que os valores socialistas seguen moi presentes na nosa sociedade, e que deberiamos reencontranos e recrearnos neles máis veces... que fixeron que me sentira moi orgullosa da organización á que represento, das Xuventudes Socialistas. Gracias blogueiros, por todo.

Dicíalle a Mar, a nova secretaria de organización, que non sabía expresarlle todo o que significa para min que unha muller ocupe este lugar, unha muller e sobre todo ela. Mar, o socialismo feito muller. Dicíalle que me faga un favor, que disfrute por todas e cada unha das mulleres socialistas. Non teño ningunha dúbida de que o fará ben, non só porque é profundamente socialista, senón porque cre e quere a este partido.

Decía que para min este foi un congreso de emocións. Ver subir a Iván como membro da Comisión Executiva Nacional foi...indescriptible. Iván, o "meu" secretario de organización, o que empezou conmigo un proxecto político nas XSG e que os e as fenesas me "roubaron" para que fose o seu alcalde con grande pesar por perdelo e con grande alegría por ver como medraba política e persoalmente. Pero sobre todo Iván, o meu amigo. Non sabes canto me alegrei.

E a emoción máis grande foi cando subíu Lage, non porque sexa a miña parella. Tampouco porque por riba de todo sexa o meu amigo, que tamén. Sobre todo porque se fixo xustiza. Ninguén máis ca él merecía estar aí. Algúns sabémolo, ou non é certo Silvia? Lage, o que sempre estivo aí cando o necesitamos ou necesitei, políticamente e persoalmente. O que sempre apostou por nós. O espello no que moitos nos miramos. Un gran socialista, un galeguista convencido. Unha gran persoa.




Creo que neste post sobre todo teño que dar as gracias.

Gracias a aqueles que confiaron en min para formar parte deste proxecto.

Gracias á miña organización, as XSG, por creer en min e por pensar que outro mundo é posible.

Gracias a Antonio, por saber comprender...a todos os que o sábado pola noite esperaron longamente algo que nunca chegou, como dixo Adriana.

Gracias a todos os compañeiras e compañeiros, e gracias sobre todo ós meus amigos...

...a Silvia...por entendelo todo e estar sempre aí...a María...unha gran persoa e gran amiga e, aínda que ela todavía non o sabe, unha gran política...a Alberto...por confiar sempre en min e, sobre todo, por quererme tanto...a María e Pablo....que, como di Amaral, chegaron de casualidade e xa forman parte da miña vida...a Kechu...por tantas cousas que non collerían nestas liñas, porque non sabes canto te quero...


...a Azu...porque aínda lonxe estaba tan preto...a Yoya...unha máis das XSG, compañeira de repartos electorais a horas e en lugares imprudentes que forxaron unha gran amizade...a Dape...por convecerme de que ás veces o improbable acaba sendo posible...a Julio...alguén ós que moitos aínda teñen que descubrir...a Fer...sobre todo pola súa lealdade e amizade...


...a Blas, o meu outro cari, por tantas cousas...e polos seus abrazos...a Eva...pola súa confianza cega e a súa ilusión contaxiosa...a Diego...porque sei que está aí aínda cando non llo pides...a "Casti"...un valor por descubrir...por todo o seu cariño e confianza...a Xaime...pola súa colaboración silenciosa, coma él...a Fran...por estar cando xa non está...

...e a Tamara...pola súa utopía necesaria...por ser, unha vez máis, a miña outra metade...pola confianza...pola súa forza...por ser...a miña mellor amiga...


e a todos e todas os que non citei porque senón estas liñas serían interminables...a Lu...Isa...Patricia...Rocío...Javi ...María...Miguel...Pampín...Ramón...Adriana...Nacho...Marta...Enrique...a todos e todas...


...a todos e todas os que me pararon polos pasillos para felicitarme...o discurso non é meu...tamén é voso...é de todos aqueles que cada día defenden os nosos valores...de todos os que son e se sinten socialistas...dos que creen que hai que combatir a desmemoria....dos que son socialistas non para amar en silencio as súas ideas...como dicía Pablo Iglesias...


E permitídeme un GRACIAS especial. GRACIAS a un home, maior, que me parou no pasillo e me dixo unhas palabras que me desarmaron: "gracias por devolverme a utopía". Só por eso, mereceu a pena o congreso.


27.7.08

Loitando contra a desmemoria, mirando ó futuro


Tal e como lle prometín a algúns compañeiros e compañeiras, e sobre todo a varios bloggers que estiveron no Congreso colgo íntegra a miña intervención na inaguración do XI Congreso do PSdeG-PSOE.

Prometo colgar o vídeo en canto o teña. E mañá, en canto descanse unhas horiñas, comentarei a miña visión sobre este congreso.

Non podo colgar esto sen agradecerlle a Tamara que sexa tan fielmente a miña outra metade. Gracias Tami!


Bos días compañeiras e compañeiros.

En primeiro lugar gustaríanos agradecerlle ó Partido dos Socialistas de Galicia que, como organización xuvenil e irmá do partido, nos teña invitado a dirixirvos unhas palabras na inauguración deste Congreso. Gracias, compañeiros e compañeiras e permitídeme, antes de nada, desexarnos un bo congreso.

Congreso que é unha xuntanza das e dos socialistas galegos para definir quen somos e cara onde imos. Qué queremos, qué soñamos, e tamén para reflexionar sobre o que esperan de nós os galegos e as galegas, os e as socialistas que aínda que non formen parte activa deste partido, comparten a nosa visión do mundo. É a ocasión de demostrar ata que punto estamos comprometidos cos valores do socialismo.

Un congreso é a data que marca o calendario para afondar naquelo que nos une como socialistas, que nos define como tales. É tamén o momento de abrirlle as portas á sociedade e contarlle porqué somos socialistas, qué defendemos, porqué militamos no Partido Socialista e porqué lles pedimos a súa confianza.

É o momento de abrir o corazón, de demostralle ó mundo que ser socialista significa crer e defender a igualdade. Principalmente igualdade entre todas e todos os cidadáns, e particularmente entre homes e mulleres. Porque é imposible acadar igualdade en ningún ámbito mentres a metade do xénero humano viva un escalón por debaixo.

Nós, os e as socialistas, temos que ser quen de comprometernos sen complexos coa causa feminista e con cada unha das mulleres que sofren a discriminación no seu día a día, no seu traballo, na súa vida. Temos que dicirlle á sociedade que para os socialistas as mulleres hai tempo que deixaron de ser a filla de, a nai de ou a muller de…

Igualdade é non discriminación, non discriminación porque o meu sexo, a miña capacidade económica, a miña idade, a miña raza, a mina orientación sexual non deben, xamáis, limitar o exercicio dos meus dereitos. Iso é socialismo.

Os Congresos, compañeiras/os, son tamén o mellor momento para facer un exercicio de retrospección. Os congresos teñen que servir para mirar cara adiante, pero tamén para recibir un antídoto contra a desmemoria. Para saber a onde imos, compañeiras/os, temos que ter claro de onde vimos.

Temos 129 anos de historia que nos falan de sacrificio, de esperanza, de logros, de traballar por un mundo libre sen donos nin escravos, sen cidadáns de primeira e cidadáns de segunda. 129 anos dos que sentírmonos orgullosos. Orgullosos de ter sido o partido dos dereitos, o partido dos humildes, dos desamparados, o partido da ilusión. Mirar atrás para nós e seguir a senda da democracia, do sufraxio universal, da educación e a sanidade universais, de Pablo Iglesias, da Unión Xeral de Traballadores, da II República. Iso forma parte do orgullo militante.

Temos que honrar a memoria dos que arriscaron a súa vida para que a sociedade na que vivimos fora de todas e todos, e non só duns poucos. Temos que honrar a memoria dos que deron a súa vida por defender a liberdade, por defender que para os socialistas as persoas son o primeiro, o segundo e o terceiro. Contarlles que onde houbo loita polos dereitos das persoas, pola dignidade, pola liberdade…houbo un socialista poñendo o mellor de sí mesmo, o mellor de sí mesmo e moitas veces a súa vida.

Somos a testemuña da irreverencia da liberdade e temos a obriga de non esquecelo, de curarnos da desmemoria. Temos a obriga de levar a cabeza ben alta. Porque ter un carné cunha rosa e un puño gravados non só significa sentirse socialistas, senón tamén defender os valores do republicanismo, do laicismo, do federalismo, do galeguismo, da solidariedade…de sentirnos orgullosos de construir un mundo que non entende de privilexios, un mundo que constrúe dereitos.


Como partido temos tamén que ser conscientes de que temos que conectar cos soños das e dos cidadáns que tamén cren nese mundo. Temos que romper co descrédito que moitos cidadáns senten hacia a política e os politicos e chegar a eles. Dicirlles que pensamos coma eles, que sentimos coma eles e que precisamos da súa implicación.

Temos que dicirlles, que se hai algo que non lles gusta….se movan para cambialo. Porque o que non se equivoca nunca é o que nunca fai nada. E para conseguilo temos que facer un exercicio de autocrítica, temos que avaliar se somos quen de transmitir as nosas ideas e valores. Temos que escoitar para ser escoitados. Porque senón facemos isto, estaremos falando nun atril engrandecidos dos nosos logros… pero non haberá ninguén para nos escoitar.

Eduardo Galeano dixo unha vez que cando ves a utopia no horizonte e das un paso para achegarte a ela esta se alonxa, que das outro máis e se alonxa ese pouquiño que avanzaches, que das outro e volve a alonxarse. Para que serve entón? se preguntou, me pregunto. Pois serve para seguir avanzando compañeiros e compañeiras.

Reflexionemos, debatamos e sexamos quen de dicirlle ó mundo que os e as socialistas de Galicia temos obxetivos, valores, propostas, ideas…e ideais. Digámoslles ós galegos e galegas, os mozos e mozas galegos que, se cadra, a utopía non é un soño…é unha verdade prematura.

Digámoslle coas nosas enmendas, cos nosos proxectos que, como dixo o brasileiro Raúl Seixas, un soño que se soña só é só un soño, un soño que soñamos xuntos é unha realidade.

Saúde compañeiros e compañeiras, bo congreso e boa sorte.

17.7.08

AB II


Porque non quería limitarse á realidade inventaba universos paralelos...eses outros que podería ter vivido...

...universos nos que os abrazos estaban cosidos á súa pel...nos que o tatuaxe das súas caricias estaba escrito con tinta indeleble...

...universos, aínda que desiguais, compartidos, desexados, apaixoados...universos nos que se descubrían...nos que se refuxiaba...

...universos nos que os malos momentos ían quedando abandonados mentras baixaba, unha a unha, despacio, como despedíndose, as escaleiras...

...unha na que quedaban as discusións...dúas...tres...nas que quedaban os malentendidos..., vinteunha....trinta e tres...borrando as noites nas que aínda acompañada se sentía sola...cincuenta e catro...setenta e oito...abandonando as bagoas que verteu...ochenta e un...ochenta e tres...combatindo a sensación de fracaso...

...universos polos que ás veces pasea...e...nos que, algunha vez, se atoparon...porque...durante só uns segundos...non máis dos que leva xuntar as letras desta historia...de novo se entendían sin necesidade de mirarse...porque escribir tamén é falar.

4.7.08

AB I


Atopeite de novo mirándome a min mesma, buscándome, intentando adiviñar o porqué dalgunhas casualidades.

Non te busquei, atopeite dentro de min, non a ti, senón a esa parte de min que tamén é túa...

Non te busquei, atopeite.

Non te busco, xa foi.

Non te buscarei, non quero atoparte.

Crebacabezas



Seco por fora e tenro por dentro...???

Pregúntalle ó corazón...