26.10.07

Pasa de tu primo...

Déixovos o video que fixo o PSdeG-PSOE a conto das declaracións de Mariono Rajoy sobre o cambio climático. Podedes botar unhas risas,pero sobre todo...pasade dos que son como Rajoy e o seu primo, o cambio climático é unha ameaza real para o noso planeta e as nosas vidas.

24.10.07

Benigno López, o novo "Superman"

Cada día teño máis claro que os grupos políticos non acertaron á hora de propoñer e votar o Valedor do Pobo.

Non empezou ben a súa andaina facendo unhas declaracións sobre a nosa lingua que poderían merecer moitos cualificativos salvo o de afortunadas.

Non é a idea que eu teño do que debe ser o Valedor do Pobo, non é propio desta institución que o seu titular faga declaracións como as que fixo sobre a lingua galega, sobre todo porque creo que estas non coinciden co que pensan maioritariamente os galegos.

O señor López debe ser un destes personaxes que cando chega a un cargo público gusta de saír en todos os sitios, de xerar polémicas coa única intención de ver a súa foto nos xornais, porque se non, non o entendo.

Logo desas primeiras e desafortunadas declaracións, viñeron outras non menos graves. O Valedor pensa que non é necesario que a Xunta de Galicia xestione as competencias de tráfico, tema mediático por excelencia nas últimas semanas.

Para unha vez que os grupos políticos están de acordo en algo, ten que saír o Valedor a opinar o contrario. E digo eu, case parafraseando o Presidente da Xunta de Galicia, pero de xeito máis informal, a este home quen lle deu vela nese enterro?

E como non hai dous sen tres, esta semana atopo que o Valedor tramita dúas queixas de oficio ante o Concello da Coruña e unha no Concello de Santiago polo tan traído e levado tema do botellón.

Empezo a pensar que é un problema de ego, pois neste tema concreto existe unha preocupación da Administración local, e mesmo da Xunta de Galicia, polo conflito que o botellón xera nalgunhas cidades.

Supoño que a interpretación que se lle debe dar a esta actuación é que intenta defender o dereito dos veciños a descansar. O que me pregunto é, quen defende o dereito ó ocio da mocidade? Quen defende as mozas e mozos galegos da criminalización que están sufrindo por parte dalgúns medios de comunicación? Por que non se dedica a poñer sentido común a todo este tema en lugar de botar máis leña ó lume?

E é que neste tema concreto un dos sectores implicados, como é o da mocidade, é o que está máis desvalido. Ou alguén contou con nós en todo este tema? Alguén nos fixo partícipes da busca da solución? Alguén nos preguntou por que facemos botellón? Alguén se cuestionou por que os adultos teñen dereito a usar os espazos públicos e ós máis novos se lles restrinxe este uso? Ou é que neste país só bebemos os mozos e mozas, só nós facemos ruído ou só nós temos carencia de educación ambiental?

Non quero frivolizar con este tema, porque entendo que hai que conciliar o dereito dos veciños a descansar co dereito da mocidade a divertirse. O único que digo é que ninguén está contando con nós, coa mocidade, á hora de buscar posibles alternativas.

E tampouco conta con nós o Valedor do Pobo. A impresión que dá é que quere ser o neno no bautizo, o noivo na voda e o morto no enterro. E non creo, sinceramente, que ese sexa o seu papel.

En fin, por se tiñamos carencia de superheroes en Galicia, nace o Supermán Galego, Benigno López, a salsa de todos os guisos.

19.10.07

Con Z de Zapatero

O importante non é o video, o importante son as medidas tomadas polo goberno socialista de Rodríguez Zapatero para mellorar a vida dos e das españolas.
En calquera caso, déixovolo para que disfrutedes del e non olvidedes a subida das pensións, do salario mínimo interprofesional, o aumento das bolsas, a ampliación de dereitos, o estatuto dos autónomos, a lei de dependencia, a lei de igualdade, as maiores inversións do Estado en Galicia de tódolos tempos, a disminución do paro, os 240 euros para axudar a alugar unha vivenda, o recoñecemento da pluralidade de España, a lei de memoria histórica....

18.10.07

Carod Rovira, Josep Lluis



Por unha vez vou a estar dacordo con Carod Rovira. O pasado martes, no programa de RTVE "Tengo una pregunta para usted" mostrou a súa disconformidade con que unha participante lle chamase José Luis en lugar de Josep Lluis.

Hai moita xente que non entendeu o seu cabreo, e o que eu non entendo e porqué non o entenderon. Sí se chama Josep Lluis chámase así e non doutra maneira. Porque digo eu que a George Bush chamásmolle polo nome en non Jorge Arbusto, por poñer un exemplo, que habería mil.

E tiña razón Carod cando dicía que igual que sabemos pronunciar Schwarzenegger, que eu casi non sei nin como se escribe, pois con maior razón deberíamos coñecer unha das linguas de España como é o catalán. E iso non significa obligar a ninguén a aprender aquelo que non queira ou a expresarse nunha lingua que non lle apeteza, pero creo que non é moito pedir que a un lle chamen polo nome. Non creo que se pida nada imposible cando pedimos que se respete a pluralidade de España, as distintas realidades nacionais que existen no territorio, a cultura galega ou a catalana que, evidentemente, non son iguais que a murciana, por exemplo. Non creo moito pedir que se respete a nosa lingua, ven sendo unha cuestión case de sentido común.

Igual que a un Sergio de Valladolid lle gustará que lle chamen Sergio e non Sergi ou Serxio, a un Josep Lluis lle gusta que se refiran a él polo nome e non que lle chamen dunha maneira distinta.
En fin, que non teño máis remedio que estar dacordo con Josep Lluis.

P.D. Quería poñervos o video pero non son capaz de subilo ó blog. Así que pinchade aquí si queredes velo.

14.10.07

De turismo: San Froilán, As Catedrais e o Miño

Este fin de semana largo estiven de turismo de relax coa familia e os amigos, que boa falla me facía. Temos un país marabilloso! Déixovos algunhas das fotos que fixen:

Sima na Praia das Catedrais
Sima na praia das Catedrais

Canto rodado de curiosa forma na Praia das Catedrais
Canto rodado na praia das Catedrais

Fonmiñá, suposto nacemento do Miño
Fonmiñá, suposto nacemento do Río Miño

Fogos artificiais no San Froilán
Fogos artificiais no San Froilán

Tapia de Casariego, Asturias
Tapia de Casariego

Pedregal de Irimia, aquí sí nacemento do Río Miño
Pedregal de Irimia. Nacemento do Miño

10.10.07

Crutas na rede: entrega de premios


O pasado luns, no Consello da Xuventude, chegamos ó acto final de Curtas na Rede: a entrega de premios.

O lugar elixido era máxico, o Teatro Colón, algúns xa se vían na antesala dos Oscars. E os e as invitadas, participantes a autoridades, responderon moi ben á invitación do CXG e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

Déixovos a foto que saíu na Opinión, na que aparecen xunto a min Maguett, protagonista da curta "Cafés de Papel" e gañadora do premio á mellor actriz, e Javier Losada, alcalde da Coruña.

Todo o que vistes e vivistes non sería posible sen os "currifichantes" do CXG e da Dirección Xeral. Aproveito este foro para agradecerllo a Feli e a Esther, currantes incansables. E polo Consello, a Nancy, Ramón, Suso e, sobre todo, a Esteban e a María, que estiveron incansables horas ó teléfono confirmando a xente, pedindo presupostos e volvéndose tolos organizando cada detalle. Rapaces, a todos, pero especialmente a vós, María e Esteban, moitas gracias.

3.10.07

Polémico hiyab

Asistimos estos días á polémica desatada en torno a unha rapaciña de 8 anos que desexaba levar o velo á escola. Sucedía nun colexo de Girona, e o director do centro, amparándose no reglamento do mesmo, non permitía que a nena o levase.

Un país como o noso, no que moitos tiveron que marchar fora a buscar un futuro mellor, costa entender que pasen este tipo de cousas. Aínda que logo, si nos miramos ben, non extraña que pasen. Vamos de progres, de tolerantes, de defensores da liberdade...pero aínda nos queda moito.

Non sei si a algunha galega lle terían prohibido na Arxentina, por exemplo, que usase o pano que levan moitas das nosas "avoas", pero supoño que non.

Non entendo a diferencia que hai entre que unha nena leve un velo e outra leve un crucifixo, por exemplo. Os dous son símbolos relixiosos, e non creo, como o PP, que haxa que deixar un porque simbolice á relixión maioritaria e prohibir o que represente á minoría.

Sempre tiven moitas dúbidas con este tema, pois dábame que pensar si non estaríamos permitindo unha discriminación ó permitir que as rapazas levasen o velo. Mais despois de darlle voltas, creo que a discriminación está só na nosa cabeza. A interpretación que do uso do velo se fai en Occidente é para nós para quen supón un problema, non para os musulmáns.

Quen había de discriminar a esa nena sinón nós, os españois? Discrimínase ela por levar o velo? Eu creo que non, simplemente decide vivir a súa relixión libremente. E nós, os occidentales, os teóricos defensores da liberdade por riba de todo, pretendemos prohibirllo.

Quen somos nós para decir que sí ou que non? Acaso faille dano a alguén ou a sí mesma?

En fin...moito nos queda por avanzar...