9.11.07

De botellón


Déixovos o artigo que esta semana escribín para Vieiros opinando sobre o tan traído e levado tema do botellón:

No pasado artigo toquei de refilón o asunto do botellón, o que fixo xurdir algúns comentarios en torno ó tema, así que hoxe escribirei definitivamente sobre este fenómeno que últimamente convertiu á mocidade en portada dos medios de comunicación.

Desgraciadamente en portada dos medios de xeito negativo. Non saímos pola capacidade de interrelacionarse e formar grupos que ten a mocidade nesta era da incomunicación na que non se coñece nin ó veciño da porta. Non. Saímos como mozos cuxo único obxectivo na vida é sair xoves, venres e sábado a beber alcol coma tolos, causar algún acto vandálico e logo coller o coche para seguir a marcha.

Cando abrimos o xornal non hai fotos de mozos e mozas facendo botellón e pasándoo ben. Non. Hai fotos de xente desfasando. Ás veces penso que algúns fotógrafos deben andar toda a noite en busca de imaxes coma esta que representan máis ben pouco o que é o botellón.Para min o botellón é nin máis nin menos que unha reunión de xente moza.

Non creo que o obxectivo sexa xuntarse para beber alcol, senón para verse, rirse, ligar, compartir alegrías, tristezas, chismes, problemas…e se cadra tamén algún litro. Pero non comparto que se beba máis alcol do que se pode consumir en calquera bar, como din moitos.Tampouco creo que o botellón sexa un problema de saúde pública. Moitos están a queixarse ás autoridades porque somos unha xeración de “futuros alcólicos”. O que me pregunto eu é porqué non se queixaron cando se bebía nos bares ou discotecas, porqué non se preocuparon daquela nin agora pola sáude desos mozos e mozas que consumen en lugares pechados… Ou será que alí non se ve e, polo tanto, non molesta, e, entón, non preocupa? E porqué non se preocupan do alarmante incremento do consumo de cocaína en tódalas idades? Será porque non se ve e, polo tanto, non molesta? Porque digo eu que si o botellón é un problema de saúde pública o consumo de cocaína tamén o será…

Dame a impresión de que hai algúns adultos que pensan que a rúa é deles. Porque imos ver, un parque ou unha praza pública está ocupada ó longo do día por avós, por pais e nais cos nenos xogando á pelota, por persoas paseando os cans…e ninguén di nada. Agora cando son os mozos e mozas os que ocupan esa praza ou parque acúsannos de “okupalo”, case de apropiarnos do espazo. Parece que o espazo público só estivese reservado ós adultos. Ou fai máis dano un rapaz cunha copa nunha praza que un adulto coa mesma copa nunha terraza tres metros máis para alá?

Hai moita hipocrisía en torno a este tema. Os adultos xa non se acordan de cando eles ían ás festas de campo e volvían peneques polas corredoiras, nin cando ían de tazas polo Franco en Santiago ou pola rúa dos viños en Lugo…Non se lembran tampouco de que vivimos nun país no que non hai celebración que se preze na que non se consuma alcol: Nadal, festas gastronómicas, cumpreanos… Vivimos nunha cultura cun alto grado de tolerancia ó consumo do alcol. Algo terá que ver isto co consumo da mocidade.

Sí entendo dúas cousas:

1.É certo que moitas veces somos uns porcalláns que deixamos todo cheo de lixo e que deberiamos recoller o que emporcallamos. Pero, aínda recoñecendo isto, non me resisto a facer dous comentarios: en moitos lugares onde se fai botellón apenas hai contedores para o lixo; visitade o lugar onde se fixo un mercado ou feira despois de que remate, veredes como queda. A non concienciación e a falla de educación ambiental non só é patrimonio dos máis novos.

2.Non é menos certo que en determinados lugares onde se fai botellón se molesta ós veciños. O que non entendo é que no afán de todos (políticos, veciños, forzas de seguridade…) por buscar unha solución esqueceron ó actor principal: a mocidade. Estou segura de que si as autoridades sentasen ós mozos e mozas ó redor dunha mesa para falar deste tema se chegaría a unha solución satisfactoria para todos máis pronto que tarde. Non creo que sexa pedir moito que se nos escoite e non se nos xulgue antes de facelo.

3 comentarios:

Myself dijo...

Sempre somos os olvidados de case todos os temas. Non se nos consulta, e o que é peor, cando falamos con eles, non se nos escoita.

Un saúdo!!!

Mario

Anónimo dijo...

http://blogdeloli.blogspot.com/2007/05/si-eu-vivise-en-ferrol.html#c3267921430839108495
Como no tienes tags, ni acceso a últimos comentarios, dejo aquí un enlace a mi comentario sobte tu entrada relativa a los gaseros de Mugardos, donde te solidarizabas con el Comité de Emerxencia. Sabrás que la administración "socialista" ha dado la autorización definitiva a Reganosa. Como Secretaria Xeral da la Xuventudes Socialistas, ¿has presentado o presentarás una moción contra la actitud de tus "mayores"? ¿O tu solidaridad es sólo de boquilla? Un abrazo.

Anónimo dijo...

Por favor, pásalle este artigo ao alcalde de Vigo, a ver se se entera e deixa de botar para atrás as iniciativas do BNG que, por certo, coinciden ben coas túas...